enREDados
Blog de L. Galega de 2º de ESO A
09/02/12
07/12/10
EU SON...
EU SON... é unha proposta de texto creativo na que cada un de vós deberá elixir a árbore que máis lle guste e imaxinar como sería a súa vida de ser esa árbore en cuestión.
Cal é a túa árbore preferida?
**************************************
Eu son unha maceira
Se eu fora unha árbore sería unha maceira. Máis que nada, gustaríame ser unha. Non só porque as mazás son das poucas froitas que me gustan ou polas súas fermosas e aromáticas flores. A principal razón é outra.
Cando era pequena os meus avós ensináronme unha das maceiras que tiñan na aldea. Eu, que nunca vira unha tan preto, intentei comer unha das mazás a pesar de que aínda non estaban maduras. Aos meus avós fíxolles graza e, como viron que me gustaban moito as súas froitas, regaláronme a maceira.
Eu, que aos catro anos xa era dona de algo, ilusioneime e incluso lle puxen o nome de "Matthew", que a aquela idade escribía "Maciu", nome que saquei de "maceira". Sempre ía ver como ía medrando, se daba moitas mazás... Collinlle moito cariño a aquela maceira.
A día de hoxe non lle dou moita importancia, tan só cando leo "O principiño" acórdome daquela nena totalmente encariñada cunha árbore.
C.M.P.
**************************************
Eu son unha cerdeira
Se eu fora unha árbore gustaríame ser unha cerdeira. Encántanme as cereixas. Son uns froitos tan doces e sans. A miña avoíña contábame cando iamos a Sanxenxo e podiamos ver moitas cerdeiras as súas calidades. Ademais tamén me gusta moito a historia d' A Rapaciña e a cereixa encantada, que conta a historia dunha rapaza que tiña unha cerdeira que coidaba coa súa vida. Á rapaza gustábanlle moito as cereixas e cando un pretendente lle pedía a súa man a seu pai, facíalle unha proba que consistía en coller unha cereixa dun barreño entre máis de duascentas cereixas, e se non escollía a que estaba encantada non casaba con el.
Estas son as razóns polas que me gustaría ser unha cerdeira. Ademais eu creo que é a froita do amor.
A. P. de la T.
*************************************
Eu son un castiñeiro
Os castiñeiros sempre me gustaron dende que era pequena. Ademais as castañas foron moi importantes no noso país dende antes da chegada dos romanos, pois sábese que os poboadores destas terras moíanas e utilizábanas como alimento. As castañas chegaron a ser tan importantes que o castiñeiro chegou a denominarse "árbore do pan", xa que en épocas de fame garantía a supervivencia de moita xente.
Por iso me gustaría ser un castiñeiro, porque desexaría experimentar o que se sente ao salvar as vidas de tantas persoas.
B. T.
**************************************
Eu son un limoeiro
Se eu fose un limoeiro daría moitos limóns. Cando estivera feliz daría os limóns máis ricos do mundo, pero, pola contra, se estivese triste, daría os limóns máis ácidos. Os meus amos trataríanme xenial e crearían un posto de limoada. Ao comezo sería moi cutre, pero ao ser material de primeira calidade a xente mercaría tanto que os meus donos serían multimillonarios e a miña limoada sería o refresco máis vendido do mundo, por riba da Coca-Cola.
H.T.D.
01/11/10
VOUVOS CONTAR UN CONTO DE MEDO
Xa estaba escuro. As rúas iluminábanse coa tenue luz das farolas que reflectía nas pozas. Había media hora que escampara e Ana ía xogando a mover o seu paraugas vermello dun lado a outro, salpicando os seus maltratados vaqueiros escuros.
Non había ninguén á parte dela na rúa, o que en certo modo a tranquilizaba, pero tamén aumentaba a súa inquietude. Sobresaltábase cada vez que oía o son do vento entre as pólas das árbores ou cando escoitaba o son dos seus propios pés salpicar nunha poza ao tempo que notaba unha fría lentura coándose nas súas Nike maltreitas, facéndoa estremecer.
"Non tolees. Non pasa nada. Son sensacións túas", repetía unha e outra vez. E era que, desde a mañá, tiña aquela sensación, aquela terrible sensación de que calquera cousa podería pasar.. Non era a primeira vez que tiña ese presentimento. A última vezque o sentira, recordaba, fora un día tranquilo, monótono, case aburrido. Non tiña razóns para pensar que aquela vez fose ser distinto. Apartou o cabelo da cara, nerviosa.
Entón oíunos. Pasos. Detrás dela. Empezou a notar o seu corazón latexar atoladamente no seu peito, tanto que o podía escoitar con claridade. "Tranquila", intentou dicirse, non moi convencida. "Quizais sexa un adolescente coma ti que saíu tarde das actividades ou unha persoa que saíu a mercar algo ao vinte e catro horas, un simpático velliño que foi dar un paseo nocturno..." Tan ensimismada estaba en autoconvencerse de que non existía perigo que case non notou como os pasos se ían aproximando progresivamente, facéndose cada vez máis claros. Non eran pasos dun adulto. Eran pasos lixeiros, xogadores e algo nerviosos.E rápidos.
Aumentou o paso, pero o descoñecido seguía aproximándose a ela. A distancia era cada vez máis curta. "Pasará diante de ti", pensou.. Xa non había nin dous metros de distancia. Podía escoitar os pasos ao seu carón e entón... pararon. Ana abriu moito os ollos e mirou detrás dela. Ninguén. Só estaba ela.
"Non... non pode ser", murmurou para si, anonadada. E notou como algo tiraba da súa camisa. Baixou a mirada, pero nada tiraba dela. Parecía estirarse. Quixo berrar, pero non saían sons da súa gorxa. E, coma nun soño, viu por uns segundos a imaxe dun neno, cos ollos chorosos completamente en branco. Parecía desesperado.
- Por favor...- oíuno dicir - Non encontro a miña nai...
Non puido sequera pensar. Botou a correr, con bágoas de auténtico terror descendendo polas súas meixelas. Non, non podía ser verdade.Pero tampouco eran imaxinacións súas. Aqueles ollos non era humanos.
O neno, detrás dela, botou a chorar. Un pranto inhumano, terrorífico, cheo de rabia e desesperación, que xearía o sangue de calquera que o oíse. Ana notou como unha forza tiraba dela cara a atrás, e caeu de costas, esgazando as súas roupas contra o asfalto. Intentou moverse e viunos. Aqueles ollos.
O seu corpo non lle respondía e aquel estraño neno aproximábase a ela lentamente. Entón, por primeira vez, puido facer o que quixera facer desde o principio. Berrou.
C. M. P.
*************************************************************************VOUVOS CONTAR UN CONTO DE MEDO
Vouvos contar a historia da miña amiga Lorena. Parece incrible, pero contoume que fora verdade.
Era de noite, sobre as nove e media. Volvía de estar coas súas amigas no centro, sacando fotos e ríndose. Levaba unha tempada un pouco mal porque o neno que lle gustaba tiña noiva e algunhas das súas amigas falaban mal dela. Pero Lorena convencíase de que só era unha mala racha e de que chegarían tempos mellores. Mais non sabía cánto se equivocaba.
Ben, o que ía dicindo, ela camiñaba cara á súa casa escoitando música para facer máis rápido o camiño, e mentres escoitaba a súa canción preferida "The winner takes it all" percibiu un estraño son que viña do fondo da rúa.
Comezou a camiñar máis rápido, cada vez máis, ata que sentiu como se unha forza non lle permitise avanzar, impulsándoa contra unha rúa de casas abandonadas e escuras onde as farolas non funcionaban. Estaba asustadísima. Deixouse levar pola forza espectral sen opor resistencia e ao pouco tempo desmaiouse. Espertou horas máis tarde no hospital con algunhas dores e magulladuras polo corpo. Qué tería acontecido ninguén o sabía. Non había testemuñas e Lorena quedara durmida nada máis chegar a aquela rúa maldita.
Había historias que contaban miles de cousas sobre ela: que se había un pantasma, que se un ladrón, que se un grupo de adolescentes con ganas de asustar..., pero ningunha teoría estaba confirmada.
Hoxe Lorena está xa case recuperada, pero cada vez que alguén lle pregunta sobre aquela historia, a cara pónselle pálida e non dá contestado.
B.T.
31/10/10
VOUVOS CONTAR UN CONTO DE MEDO
Era o 10/10/10. As clases remataran e os nenos marcharan para as súas casas. Mentres, os profesores quedaron no instituto para facer as avaliacións, pero Cheché, o profesor de tecnoloxía, dixo que marchaba porque lle doía a barriga. Cando acabou a reunión todos os profesores se foron indo. Tan só quedaban Marisol e Fernando, ao que se lle ocorreu chamar por teléfono a Cheché para ver como estaba. Pero non contestou. De súpeto, oíron no baño un ruído de cristais caendo. Marisol, atraída pola intriga, correu ata o baño, e atopou a Cheché morto cun coitelo ao seu lado.
Fernando dixo que era convinte atopar algunha pista e nese mesmo momento Marisol atopou tirada no chan unha bola de la vermella. Era unha pista.
Aínda non lles dera tempo a reaccionar cando oíron pechar unha porta moi forte na segunda planta. Fernando subiu a todo correr e atopou a Belén na aula de inglés escribindo un cartel que dicía: "Mateime porque me doía a cabeza".
Fernando dixo que era convinte atopar algunha pista e nese mesmo momento Marisol atopou tirada no chan unha bola de la vermella. Era unha pista.
Aínda non lles dera tempo a reaccionar cando oíron pechar unha porta moi forte na segunda planta. Fernando subiu a todo correr e atopou a Belén na aula de inglés escribindo un cartel que dicía: "Mateime porque me doía a cabeza".
Fernando baixou co cartel e con Belén e preguntoulle a Marisol se estaba de acordo en mandarlle unha síntese á policía coas ideas moi claras para que resolveran o caso.
S. P.
VOUVOS CONTAR UN CONTO DE MEDO
Hai moitos anos uns nenos dunha escola de Vigo foron de viaxe de fin de curso, e cando viñan de volta, preto de Zamora, o condutor tomou mal unha curva e o bus foise por unha ponte abaixo caendo todos nun río. Morreron moitos nenos e salváronse moi poucos.
Vinte anos despois unha familia que non sabía nada do accidente acampou á beira do río. Eran un home, unha muller, o irmán maior, o pequeno e dúas irmás. Pasaron o día alí e cando chegou a hora de durmir durmiron o pai e o irmán maior nunha tenda de campaña e a nai, o irmán pequeno e as irmás dentro da caravana.
Despois da medianoite a nai e os fillos que durmían con ela comezaron a escoitar sons como se uns animais estiveran fóra comendo os restos da cea, e entón a nai petou na parede da caravana tentando escorrentalos. Mais nese mesmo momento comezaron a soar golpes como se centos de persoas estiveran a petar nas paredes e no teito da caravana. A nai e as fillas intentaron berrar, mais non lles saía ningún son pola gorxa. Finalmente, despois de dez terribles minutos, conseguiron berrar e chamar a atención dos que durmían na tenda de campaña. Eles sorprendéronse moito porque non escoitaran nada e botaron unha ollada polos arredores sen ver nada estraño.
Ao día seguinte pola mañá cando saíron da caravana viron centos de pequenas mans negras impresas por toda a caravana, mesmo no teito. Esas manciñas inda que a nai tentou limpalas non saíron nin con lixivia.
A. P. de la T.
25/10/10
O MUNDO DE ULTRATUMBA NA LITERATURA GALEGA
O paso do tempo, o amor e a morte son tres temas universais na literatura de todas as épocas porque están directamente relacionados con vivencias fundamentais dos seres humanos.
Seguramente todos vós teredes lido contos e/ou visto películas de medo ou terror nos que aparecían personaxes monstruosos procedentes do mundo dos mortos. Porén, non todas os personaxes de ultratumba teñen que ser necesariamente maléficos. De feito na tradición oral de todos os pobos hai historias protagonizadas por espíritos que coidan dos vivos. E desta crenza popular naceu en épocas ancestrais o culto aos mortos que aínda hoxe seguimos mantendo, como confirma a celebración do Día dos Defuntos o 2 de novembro, de longa tradición en Galicia.
O pobo galego sempre mantivo moita familiaridade co tema da morte, podemos velo nos pequenos cimeterios das aldeas e na multitude de historias de mortos e aparecidos da nosa tradición oral como a da Santa Compaña, algunhas das cales soen vincularse cos pobos celtas, como a festa do Samhaín. E estas historias serviron tamén de inspiración a moitos escritores como vimos no conto de Xosé Miranda que limos o outro día.
Se xa lestes a información sobre a festa do Samhaín comprobade agora canto lembrades do lido premendo AQUÍ.
Seguramente todos vós teredes lido contos e/ou visto películas de medo ou terror nos que aparecían personaxes monstruosos procedentes do mundo dos mortos. Porén, non todas os personaxes de ultratumba teñen que ser necesariamente maléficos. De feito na tradición oral de todos os pobos hai historias protagonizadas por espíritos que coidan dos vivos. E desta crenza popular naceu en épocas ancestrais o culto aos mortos que aínda hoxe seguimos mantendo, como confirma a celebración do Día dos Defuntos o 2 de novembro, de longa tradición en Galicia.
O pobo galego sempre mantivo moita familiaridade co tema da morte, podemos velo nos pequenos cimeterios das aldeas e na multitude de historias de mortos e aparecidos da nosa tradición oral como a da Santa Compaña, algunhas das cales soen vincularse cos pobos celtas, como a festa do Samhaín. E estas historias serviron tamén de inspiración a moitos escritores como vimos no conto de Xosé Miranda que limos o outro día.
Se xa lestes a información sobre a festa do Samhaín comprobade agora canto lembrades do lido premendo AQUÍ.
15/10/10
A ACENTUACIÓN
Todos coñecedes as normas xerais de acentuación das palabras agudas, graves e esdrúxulas, pero lembrades tamén que:
-Non se acentúan os adverbios rematados en -mente. Ex.: facilmente.
-Non se acentúan os monosílabos, agás cando hai dous iguais con diferente significado. Ex.: el.
-Non se acentúan os pronomes interrogativos e exclamativos, agás excepcións. Ex.: Que dis? Que marabilla!
-Acentúanse as vogais débiles (i, u) cando van asociadas con outras vogais e o acento recae sobre elas. Ex.: baúl, aínda ??????
OLLO AO...
11/10/10
HISTORIA DA LINGUA 2
Esta é a continuación ao power point anterior. Védeo tamén con atención e o próximo día comentámolos na clase.
historialingua2 10/10/10
HISTORIA DA LINGUA GALEGA
Cando rematedes de repasar polo voso libro o tema da Historia da lingua, botádelle un ollo ao resumo que hai a continuación realizado polo Departamento de L.e Lit. Galegas do IES Otero Pedrayo, que tivo a xenerosidade de poñelo a disposición de todos na rede. Nel tedes un excelente exemplo de como se debe facer un resumo en power point, e pódevos servir de modelo para facer vós un.
historialingua1
Subscrever:
Mensagens (Atom)









